Non é pouco o que a corporación católica conseguiu coa Constitución Española, cos acordos concordatarios de 1979 e coa lexislación en materia relixiosa: nada menos que estatalizarse. É dicir, institucionalizar a súa intervención na formulación e na implementación de políticas públicas en varios campos. O realmente preocupante é que hai razóns para pensar que a rixidez institucional deste arranxo podería ser incompatíbel coa democracia: perpetúase a desigualdade entre os cidadáns e os grupos en función das súas crenzas; déixase indefensa unha parte da cidadanía, a protección de cuxos intereses está nas mans duns representantes sempre preteridos; concédeselle á igrexa católica un acceso preferente ás instancias de toma de decisión política; créase un segundo circuíto de representación que escapa ao control cidadán; e convértese a corporación católica nun actor dotado de potentes recursos de oposición política. Urxe, polo tanto, un debate público sosegado sobre, por exemplo, o sistema de financiamento, o sostemento público do ensino privado ou a materia escolar de relixión católica. E tamén sobre os costumes simbólicos das autoridades políticas.
Porque no ámbito simbólico estamos moi afeitos a ver como as autoridades asisten masiva e sistematicamente a unhas cerimonias católicas socialmente relevantes e, polo tanto, electoralmente interesantes, mentres, por outra banda, xa nin nos decatamos de como a connotación relixiosa das festividades e dos actos públicos de especial solemnidade –que teñen un valor exemplar e deberían fomentar a cohesión da comunidade política– acaba reforzando o actual modelo de relación entre o Estado e a igrexa católica. É desde esta asunción acrítica das prácticas neonacionalcatólicas como podemos explicar a asombrosa controversia xerada a raíz da inasistencia dos novos alcaldes de Santiago de Compostela e da Coruña, Martiño Noriega e Xulio Ferreiro, á ofrenda do Reino de Galiza ao santísimo sacramento que tivo lugar en Lugo o 14 de xuño de 2015.
Nesta ofrenda, que ten case tres séculos e medio de historia e se celebra anualmente o segundo domingo despois da festividade católica do corpus Christi, participan os rexedores das sete cidades do Reino de Galiza (A Coruña, Betanzos, Mondoñedo, Lugo, Ourense, Tui e Santiago de Compostela). O protocolo prevé que os alcaldes entren xuntos na catedral, asistan alí a unha misa pontifical e se integren despois nunha procesión eucarística pola cidade. Esta tradición é vista por unha parte substancial da cidadanía con total normalidade. Isto non debe estrañarnos, dada a coloración católica da nosa socialización. Por iso tampouco obteñen apenas eco institucional e mediático as voces que piden unha reflexión colectiva sobre a necesidade de atoparmos solucións máis respectuosas coas esixencias da laicidade.
É paradoxal –e moi significativo– que os dous alcaldes, cuxas explicacións públicas son un exemplo de corrección e de rigor, sexan os que se ven forzados a responderen dos seus actos, e non os incontábeis cargos electos que –como os tres rexedores do PSdeG-PSOE e os dous do PP que participaron na ofrenda de Lugo– asisten a toda canta cerimonia católica lles pode reportar suculentos beneficios electorais. Son estes dous alcaldes –ambos pertencentes ás mareas de esquerdas, Compostela Aberta e Marea Atlántica– os que nos invitan educada e pacificamente a distinguir entre a relixión como fenómeno persoal e social, que debe gozar do amparo das administracións, e a confusión, sempre delicada para a democracia, entre os campos político e relixioso. Debemos recordar, ademais, que o ano pasado, o daquela rexedor de Compostela, do PP, tampouco acudiu á ofrenda porque asistiu a un acto do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. A súa ausencia non deu nin de lonxe para tanto comentario, pero deixou claro, visto desde a perspectiva que nos dan os acontecementos destes días, que, para algúns, unha anódina formalidade está por riba do principio de separación entre o Estado e as igrexas.
Podemos sentar entre todos as bases dun debate público sereno e serio sobre esta materia? Poden os nosos políticos ser responsábeis e deixar de aproveitarse das cerimonias católicas para captar votos? Poden os nosos poderes públicos ser escrupulosos e prudentes á hora de estabelecer os límites da súa implicación en actos relixiosos? Pode a poderosa igrexa católica admitir a necesidade dunha redefinición do seu lugar na nosa democracia? Poden os nosos concidadáns católicos aprender a apreciar a protección de que goza a súa liberdade relixiosa e a xenerosidade con que esta sociedade trata a súa relixión, e renunciar coa mesma a todo privilexio? O presidente do Goberno Galego, os anteriores alcaldes conservadores de Compostela e da Coruña, a alcaldesa de Mondoñedo, tamén do PP, e mais os bispos do país apelaron á tradición para criticaren un tanto iradamente a decisión dos novos rexedores laicistas. Pero non é este un argumento pertinente: a aceptabilidade non deriva nunca da mera tradición, e toda tradición pode e debe ser reinventada se precisa adaptarse. Neste debate xa inaprazábel precisamos do exemplo de políticos coherentes, intelixentes, sensíbeis e valentes. Martiño Noriega e Xulio Ferreiro déronnos unha valiosa lección de civismo e merecen hoxe a nosa admiración, o noso agradecemento e o noso apoio.
Referencias:
Negreira Souto, Carlos, “El laicismo excluyente”, La Voz de Galicia, 13 de junio de 2015.
Noriega Sánchez, Martiño, “Na defensa dunha institución laica”, Praza Pública, 10 de xuño de 2015.
Noriega Sánchez, Martiño, “A normalidade dos concellos laicos”, Faro de Vigo, 13.06.2015.
Palacios, Xosé María, “La ofrenda que se quedó a medias”, La Voz de Galicia, 16 de junio de 2015.
Seoane Antelo, André, “De oferendas e polémicas”, Praza Pública, 15 de xuño de 2015.
V Televisión, “Estado laico… ¿O no tanto?”, Informativo V Televisión, 11 de junio de 2015.