Ratzinger e a liberdade de expresión

Na súa recente visita oficial ao Reino Unido como xefe do Estado do Vaticano á petición da Raíña como cabeza do Estado teocrático británico, un dos valores que loou o Papa Bieito XVI na súa alocución pronunciada en Westminster dirixida á 'sociedade civil' foi o da 'liberdade de expresión'.

Pola miña parte, teño que dicir que non erixo a 'liberdade' en valor abstracto, trazo identitario apropiado pola (ultra)dereita que tantas liberdades lle negou á Galiza e segue a lle negar hoxe, senón que a concibo como un dereito que se debe exercer con responsabilidade, isto é, baseando as opinións vertidas en feitos obxectivábeis no canto de falaces crenzas non contrastadas.

Discrepo, pois, neste particular con Peter Thatchell, coorganizador da protesta, cando afirmou ante as 15.000 persoas reunidas en Londres na protesta contra a visita do pontífice: "Como demócrata que son, defendo o dereito do Papa Bieito XVI a expresar a súas opinións".

Por un lado, por moito que se encha a boca da consigna 'somos libres', a liberdade e a súa expresión son unha falacia en termos absolutos: a lexislación, pola súa natureza, coarta as liberdades individuais e colectivas, ao existiren leis que limitan expresamente a liberdade de expresión en determinadas circunstancias, como no caso da difamación. O dilema é non só filosófico e legal, senón eminentemente práctico: fronte á liberade de as mulleres disporen libremente dos seus corpos, @s predicador@s da COPE opoñen os supostos 'dereitos' dos fetos (que non existen como tal na lexislación vixente), impondo á sociedade unha visión teoloxizada da vida segundo a cal só deus pode quitar a vida.

Valla tamén como ilustración da natureza relativa do exercicio da liberdade de expresión no país que acolleu o Papa nesta ocasión que prohibe a entrada a Fred Phelps, pastor da Igrexa Baptista de Westboro, e a súa filla, que basean as súas ensinanzas no odio ás persoas homosexuais, ao considerar que "[poderían estar] implicados en actos inaceptábeis que incitan ao odio e que poderían levar á violencia entre as diferentes comunidades dentro do Reino Unido.". E non é, desde logo, que me pareza mal que se lexisle para evitar que persoeiros deste calibre espallen as súas mentiras cargadas de odio, senón que se aplique unha outra vara de medir no caso do Papa, cuxa visita custou os seus 12 millóns de libras collidas alegremente das arcas públicas en plena época de 'austeridade' económica, cos correspondentes recortes de gastos nos servizos públicos…

Son moitos os motivos para o Papa ser declarado persona non grata nos Estados que se proclaman democráticos, baluartes da tolerancia e do progreso. Non desdicir o Cardeal López Trujillo cando afirma que os preservativos deixan pasar o VIH ou seguir afirmando na súa recente visita a Camerún, onde case o 16% da poboación está infectada, con 82.000 mortes en 2005, que "non se pode solucionar o problema da SIDA coa distribución de preservativos […]. Ao contrario, o seu uso agrava o problema" é máis que o simple exercicio irresponsábel da liberdade de expresión. Son verbas moralmente tan reprensíbeis e inadmisíbeis do que 'expresarse libremente' ao incitar directamente ao xenocidio, encaixando coas proclamas tipificadas como reprobábeis nas recomendacións do Consello de Europa aprobadas en 1997.

Nun exercicio de responsabilidade civil tamén cabe preguntarse se son estes os 'valores' retrógrados e abertamente perigosos que se inculcan nas aulas dos colexios públicos e privados a través das clases de adoutrinamento católico en nome da 'liberdade relixiosa' e da 'liberdade de expresión'.

Ao chegar á África, Bieito XVI proclamou que: "Un cristián nunca pode ficar calado". Porén, iso é exactamente o que el mesmo fixo, primeiro como Prefecto da Congregación para a Doutrina da Fe e logo como Papa, cando, ao longo de moitas décadas, cubriu de silencio os abusos sexuais a menores por sacerdotes até que finalmente a presión da opinión pública o obrigou a pedir desculpas formais. Neste sentido, a frase lapidaria de Jean de La Bruyère vella de máis de case cinco séculos é máis que acaída: "É unha enorme desgraza non ser quen de falar ben, mais tamén o é non saber calar".

Para despexar calquera dúbida ao respecto1: defendo, como non pode ser menos, a liberdade intelectual, mais sempre sometida na súa expresión ao contraste cos dados obxectivamente avaliados, o que implica unha liberdade de acceso á información que o Papa nega a grande parte dos seus fieis. Como di o refrán: cada un/ha pode facer do seu cu un pandeiro. Mais nunca se debería consentir que quen sexa que for con estas súas crenzas tente propagar impunemente calquera dogma que estiver baseado na ignorancia e que tiver como consecuencia da súa aplicación práctica fomentar o odio, a discriminación e a morte.

Non hai que tolerar o intolerábel: hai que combatelo, veña de quen viñer, sobre todo das persoas máis poderosas e influentes. De non ser así, non viviremos en auténtica liberdade, senón sob o xugo da ignorancia e da mentira.

Nota 1: "[…] os uso de preservativos reduce o risco de contaxio polo VIH […] en 90% segundo investigacións levadas a cabo ao longo dos últimos 15 anos. […] Declaracións ignorantes que parten do desexo de evitar que a xente manteña relación sexuais fan que organismos como a OMS […] non poidan facer chegar os preservativos a aquela xente que si vai manter relacións sexuais […]", The Pope Is Wrong about Condoms and AIDS.

———————————————-

Puede consultar otro artículo sobre la visita al Reino Unido entrando en este enlace     A visita do Papa a Reino Unido

Print Friendly, PDF & Email

También te podría gustar...