AGE pide a eliminación dos programas relixiosos na televisión galega, que realiza TV7. O BNG denuncia a censura da gran manifestación de Monforte a prol da sanidade pública.
Alternativa Galega de Esquerda (AGE) asegura que a emisión da misa e doutros programas relixiosos custa "case un millón" cada ano a TVG. Dáse a circunstancia que o ente público tira dunha produtora privada, TV7, para cubrir estas cerimonias.
AGE pide á televisión pública galega que suspenda, de xeito inmediato, as emisións dominicais de misas católicas e os programas relixiosos. “Estas retransmisións son un acto ‘evanxelizador’ discriminatorio doutras confesións”, denuncia o deputado Juan Fajardo. O político engade que esta cobertura realizase "mentres os colectivos a prol do laicismo non dispoñen dun só segundo nas canles públicas galegas”. AGE vén de presentar unha proposición non de leipara que o Parlamento inste ao Consello de Administración da CRTVG a retirar ese tipo de programación.
“A situación é tan incomprensíbel”, explica Fajardo, “que os domingos a Igrexa católica ocupa o dobre de tempo que o Parlamento, onde supostamente reside a soberanía do pobo galego”, proclama o deputado.
O parlamentario Fajardo engade, como suposto exemplo deste "uso confesional da TVG", o desprazamento de xornalistas a Roma, onde cubriron en directo a entronización do novo Papa.
A televisión pública galega gasta cada ano arredor dun millón de euros en promover confesións relixiosas, en concreto católicas”. O beneficio vai para TV7, unha das productoras que leva lustros fornecendo programas ao ente público e que, como a práctica totalidade das empresas do sector que filmaron para a TVG, acabou sendo condenada por cesión ilegal de traballadores.
O BNG denuncia a censura da manifestación de Monforte
Por outra banda, a deputado do BNG Montse Prado cargou contra o suposto uso partidario da emisora. Prado criticou que a RTVG de “maneira sistemática non emita as comparecencias e propostas da oposición sobre políticas de emprego ás que sumou, o decreto do plurilinguismo, os comedores escolares ou das participacións preferentes".
A manifestación de Monforte, dixo, congregou a 9.000 persoas que defendían as áreas sanitarias da Mariña e Monforte contra a decisión da Xunta de centralizar estes servizos en Lugo. A través da Área de Xestión Integrada e sobre todo , engadiu, defendían a Sanidade pública, “na TVG non apareceu ningunha imaxe nin información desta multitudinaria manifestación en ningún dos telexornais”.