A organización mantén que privilexiar a unha confesión «non é correcto», a pesar de que só o 3% da poboación ten unha relixión diferente
“Todo o que sexa privilexiar a uns sobre outros non é correcto”. Con esta frase, o presidente de Europa Laica, Francisco Delgado, resume a postura da organización sobre a presencia de capeláns da Igrexa católica nos hospitais públicos. “Non ten sentido ter a funcionarios capeláns con soldo da Administración, e menos no momento de crise que estamos a vivir”, argumenta o laicista ao tempo que reclama a separación efectiva da Igrexa e o Estado.
Tal como informou Xornal de Galicia o pasado domingo, os 54 capeláns que traballan nos hospitais da rede do Sergas supoñen un custe para a Administración duns 700.000 euros cada ano. Non obstante, tal e como denuncia Europa Laica, os centros sanitarios non son os únicos que dispoñen dun servizo relixioso. Así, a organización recorda que tamén hai capeláns no ámbito militar ou dispostos atender aos presos nos cárceres españois. “Non debería haber capeláns a soldo pagados polo Estado”, insiste, abogando por unha ruptura coa Igrexa católica.
Neste debate, ábrense tres posibilidades distintas que poderían romper estes privilexios. Dunha banda, xorde a posibilidade de dar entrada as demáis confesións relixiosas nos espazos públicos sendo todas financiadas polo Estado, ou retirar os cartos públicos e pedir a cada confesión que manteñan aos seus propios capeláns. A última opción, pola que avogan desde a organización Europa Laica, solicita que ningunha confesión teña acceso aos hospitais públicos.
Non obstante, esta asociación recorda que esta postura non supón impedir aos enfermos que non se poden mover –ou aos presos, no caso dos cárceres– o acceso ao servizo relixioso. Así, Francisco Delgado insiste en que as institucións públicas deberían facilitar a visita dos guías relixiosos aos espazos públicos sempre que os fieis así o soliciten.
As outras dúas opcións, que pasan por dar entrada a todas as relixións nos espazos públicos supoñen un “gran problema”, segundo explica Delgado. Así, calcula que en España hai inscritas no Ministerio de Xustiza unhas 2.500 confesións relixiosas, ás que sería complicado dar un espazo nos lugares públicos. Doutra banda, a pesar de que hai outras fes “de gran arraigo”, as últimas enquisas revelan que tan só o 3% dos españois ten unha relixión diferente á católica.
“Nin capeláns católicos, nin de outra relixión”, conclúe Delgado, quen denuncia que nalgúns hospitais os capeláns chegan mesmo a formar parte do Consello deontólixico do centro.