Asóciate
Participa

¿Quieres participar?

Estas son algunas maneras para colaborar con el movimiento laicista:

  1. Difundiendo nuestras campañas.
  2. Asociándote a Europa Laica.
  3. Compartiendo contenido relevante.
  4. Formando parte de la red de observadores.
  5. Colaborando económicamente.

Laicidade. Unha reflexión (moderada) en época electoral

Timbuktu, o excelente e admirábel filme de Abderrahmane Sissako que está a proxectar o cinema NUMAX, recentemente inaugurado en Compostela, amósanos dun xeito impactante a devastación que é quen de causar unha relixión no seo dunha sociedade desprovista dos recursos institucionais necesarios para garantir unha convivencia respectuosa cos dereitos humanos. Podemos pensar, con razón, que nesta materia estamos ben lonxe da situación retratada na película. Certamente, demos, en numerosos ámbitos decisivos, pasos de xigante nas últimas décadas. Pero queda moito por facer nesta democracia que perde calidade acotío. Así, seguimos en boa medida condicionados pola senda nacionalcatólica que tan profundamente nos marcou. Precisamos, polo tanto, pensar e implementar políticas laicistas, pero sempre dun xeito intelixente e prudente. En Laïcité et liberté de conscience, Jocelyn Maclure e Charles Taylor abordan con rigor este complexísimo tema e fannos unha proposta útil para a acción política; unha proposta, iso si, que quizais deixe insatisfeitos os defensores dun laicismo máis incisivo (ou republicano, por utilizarmos o termo que, como veremos, prefiren os autores).

O concepto central do pensamento de Maclure e Taylor é o de gobernanza laica, que parte da imposibilidade de fundar as democracias liberais sobre a unanimidade filosófica; imponse, polo tanto, a necesidade dun arranxo que dea unha resposta á diversidade estrutural nos planos moral e relixioso. As nosas sociedades están compostas por cidadáns que teñen e terán moi diferentes compromisos ou conviccións fundamentais, é dicir, razóns, valoracións ou motivos (non só relixiosos ou espirituais, senón tamén seculares) que deben ser obxecto dunha especial protección xurídica, xa que son os que lles permiten ás persoas dotarse dunha identidade moral con que comprender o mundo, darlle un sentido á vida, estruturar a existencia e guiar a conduta.

Maclure e Taylor páranse a explicar os fins e os medios da laicidade, algo que no debate público adoitamos (erroneamente) dar por suposto. Para os autores, a laicidade como forma de gobernanza política baséase sobre dous fins e sobre dous medios. Os fins (ou principios) son a igualdade de trato (o respecto á igualdade moral das persoas) e mais a liberdade de conciencia (a protección da soberanía da persoa verbo das súas decisións en conciencia). E os medios (ou procedementos, que permiten acadar os fins) son a separación entre o Estado e a relixión e mais a neutralidade do Estado verbo das relixións. Os fins e os medios non sempre poden harmonizarse. De feito, poden dar lugar a situacións límite difíciles de solucionar. O caso da profesora musulmá a quen se lle prohíbe que leve posto o hijab na aula, por exemplo, ilustra como a aparente neutralidade da institución escolar limita a liberdade de conciencia e de culto.

Os principios constitutivos do Estado democrático, como a dignidade humana, os dereitos da persoa ou a soberanía popular, son os que afirman a igualdade moral e fan posíbel a convivencia pacífica dos cidadáns: facilitan a cooperación social e garanten a estabilidade política. Unha vez asegurada esta moral pública mínima –potencialmente aceptábel para toda a cidadanía–, o Estado debe evitar xerarquizar os compromisos ou as conviccións fundamentais sobre os que non hai consenso; pola contra, debe tratar con imparcialidade o pluralismo moral da sociedade, debe ser neutro e xusto verbo das relixións e dos demais sistemas de valores, que non sempre son compatíbeis entre si. Trátase de que tanto os crentes como os ateos poidan vivir de acordo coas súas respectivas ideas, pero non impórllelas aos demais.

Chegados a este punto, cal sería o modelo que permite implementar unha gobernanza laica dun xeito sensato?

—————

Para Maclure e Taylor, hai dous tipos ideais de laicidade: a laicidade republicana, cuxa pretensión é a relegación da práctica relixiosa individual á esfera privada (o domicilio e os lugares de culto) para favorecer o desenvolvemento dunha identidade cívica común; e mais a laicidade liberal-pluralista, que dirixe a esixencia de neutralidade cara ás institucións (e non cara aos individuos) e procura un equilibrio óptimo entre os fins da gobernanza laica (a igualdade de trato e a liberdade de conciencia). Para os autores, o modelo republicano postula unha delimitación nítida entre os espazos privado e público, cando en realidade hai moitos momentos da vida íntima que se desenvolven en lugares públicos, como poden ser os hospitais, as prisións ou o exército. É moralmente defendíbel que desaparezan os relixiosos destes lugares?

Pola contra, o modelo liberal-pluralista intenta atopar solucións dialogadas, desdramatizadas, sensatas e equitativas para os conflitos éticos e políticos derivados da normal diversidade moral e relixiosa, evitando desterrar as diferenzas entre os cidadáns ao ámbito privado. A idea é que o Estado, de acordo coa neutralidade relixiosa, se absteña de favorecer a relixión, non que os cidadáns teñan que privatizar as súas filiacións relixiosas. Malia as suspicacias que suscitan na opinión pública, estas acomodacións relixiosas (exencións, axustes) están xustificadas cando a liberdade de conciencia dos membros de determinados grupos se ve ilexitimamente coartada por normas indirectamente discriminatorias.

É dicir: a profesora musulmá do exemplo, como funcionaria do Estado, poderá vestir o hijab –pero non a burca ou o nicab, que son prendas antipedagóxicas, dado que impiden a comunicación e a socialización– se realiza as tarefas propias do seu posto con profesionalidade, imparcialidade e lealdade cara á institución pública á que serve, e sempre que as súas crenzas relixiosas non interfiran no seu traballo (por exemplo, se se dedica a facer proselitismo). Deste xeito non se sentirá ferida no seu sentimento de integridade moral. Pero para que se lle conceda esta acomodación, cuxo alcance social é obvio, a profesora deberá xustificar que vestir o hijab está ligado de forma íntima precisamente á súa integridade moral.

Porén, unha petición de acomodación poderá ser rexeitada, segundo Maclure e Taylor, en tres casos: cando limite significativamente a realización dos fins da institución correspondente (educar, ofrecer servizos públicos, etc.); cando ocasione custos excesivos ou dificultades graves de funcionamento; e cando atente contra os dereitos e as liberdades dos demais. Así, por exemplo, é razoábel que se denegue a petición dos pais que por motivos relixiosos queiran que seus fillos queden exentos de asistiren a cursos de educación cívica ou sexual, porque esta petición pode pór en perigo unha das finalidades esenciais do ensino, que é o desenvolvemento das aptitudes que favorecen o exercicio da cidadanía e mais a aprendizaxe da tolerancia e da convivencia nunha sociedade diversificada no plano das crenzas e dos valores. Despois de todo, os futuros cidadáns deberán ser quen de interactuar e colaborar con outros cidadáns de distintos perfís identitarios (sexuais, culturais, relixiosos, de clase, de sistema de valores, etc.). Como capacitar o alumnado para esta convivencia se é separado de acordo coas crenzas relixiosas dos pais?

En canto aos espazos públicos, Maclure e Taylor opinan que non deben ser purgados de todos os símbolos e prácticas relixiosos, sempre que teñan un valor patrimonial –é dicir, que estabelezan un vínculo co pasado– e non sexan un signo de identificación do Estado cunha relixión (o que explica que un crucifixo non deba estar nun parlamento, que representa toda a cidadanía). Nin a liberdade relixiosa inclúe o dereito a non verse exposto a símbolos relixiosos nin o Estado pode ser completamente neutral e imparcial desde un punto de vista relixioso, porque a lexislación non pode sempre facer abstracción do contexto cultural. Así, o calendario laboral, malia obrigar a todos os cidadáns, estabelece festas que teñen unha dimensión histórica ligada á relixión maioritaria. Nestes casos prodúcense discriminacións indirectas que, porén, poden ser abordadas con medidas de acomodación razoábel: modificacións no horario e no espazo de traballo, vacacións para as festas relixiosas, permiso para levar símbolos relixiosos visíbeis, etc.

En definitiva, no debate sobre os fundamentos e as orientacións da comunidade política, a cidadanía debe aterse a unha ética do diálogo respectuosa coas distintas perspectivas metafísicas e morais. Neste diálogo franco –pero non exento de sensibilidade, empatía, consideración e sensatez– non se pode evitar que as persoas relixiosas se vexan expostas puntualmente a opinións que cuestionen ou mesmo ridiculicen as súas crenzas. Nun Estado democrático, que non decide sobre cuestións metafísicas, a liberdade de expresión non se pode ver limitada en función do que algúns poidan considerar sagrado. Vivirmos nunha sociedade que protexe as liberdades de conciencia e de expresión ten un prezo: aceptarmos a posibilidade de atoparnos con crenzas e prácticas que nos parecen falsas, risíbeis ou mesmo ofensivas. En Timbuktu vemos como, en plena proliferación de restricións en nome da relixión, tamén queda prohibida a pelota. Nunha secuencia memorábel pola súa poderosa beleza, uns nenos disputan un partido de fútbol. Xa non teñen balón, pero conservan toda a forza da imaxinación.

Referencias:

Maclure, Jocelyn, e Charles Taylor, Laicidad y libertad de conciencia (trad. española de María Hernández Díaz), Madrid, Alianza, 2011.

NUMAX, Ficha de Timbuktu, de Abderrahmane Sissa.

Total
0
Shares
Artículos relacionados
Leer más

La fe no es ciencia · por Senén Barro Ameneiro

Desde un atril privilegiado, el del Senado, Jaime Mayor Oreja, un político español que fue ministro de Interior,…
Total
0
Share