Entrevista a Enrique Ruiz del Rosal en la revista gallega Tempos Novos. Aunque está en gallego, pensamos que es comprensible sin necesidad de traducción.
Membro de Europa Laica e da Asociación Laica Rivas Vaciamadrid, Enrique Ruíz repara no pouco ou nada que se avanzou respecto do laicismo e a laicidade que a Constitución do 78 consagra no seu articulado de liberdades, como o demostra a persistencia do Concordato coa Igrexa Católica e da Lei de Liberdade Relixiosa, que cualifica de “ignominiosa”. Acusa así mesmo ás novas forzas políticas de non romper ese abstencionismo, optando por posicionarse nun magma multiconfesional. E ratifícase en que o ataque neoliberal a todo o público que se deu en España nos últimos anos é un torpedo na liña de flotación do laicismo.
Cal é o actual estado da laicidade en España?
Logo de case corentaanos de vixencia da Constitución, na que se sinala que ningunha confesión relixiosa ten carácter estatal, nada se avanzou nos aspectos máis problemáticos. Seguen vixentes os Acordos coa Santa Sé de 1979, que secuestran a suposta autonomía do Estado, e que outorgan inconmensurables privilexios económicos, xurídicos e simbólicos á Igrexa católica. Segue vixente a ignominiosa Lei de Liberdade Relixiosa, que ignora as crenzas e conviccións de carácter non relixioso, e que outorga aínda máis privilexios á Igrexa Católica, facendo importantes concesións a outras relixións. Segue figurando no Código Penal como delito a ofensa aos sentimentos relixiosos. E, xa logo, séguense mantendo as referencias á relixión no texto constitucional.
Houbo algunha decisión significativa nestes últimos anos?
O máis preocupante resulta observar a dirección que teñen adoptado as decisións políticas dos diferentes gobernos nos últimos vinte anos. 1) En 1998, modificouse a Lei Hipotecaria, permitindo
á Igrexa Católica a inmatriculación de decenas de inmobles con nocturnidade e aleivosía (este espolio ten sido obxecto de atención nos tribunais europeos). 2) A situación claramente confesional que se vive na escola pública, con catequistas pagados polo erario público para adoutrinar @s nen@s, tivo o seu colofón en 1998, ano a partir do cal todos @s profesor@s de relixión católica en centros públicos que non fosen funcionarios con anterioridade, pasaron a ser traballador@s da Administración pública educativa en todos os niveis de ensinanza. 3) A finais de 2006 aprobouse un incremento de financiamento á Igrexa Católica, para pagar o culto e clero a cargo do IRPF de todos os españois, que supuxo un incremento do 40 %.
Mais isto coincide cun proceso de secularización cada vez maior da sociedade civil.
En efecto. Mais semella lóxico que nunha sociedade cada vez máis secularizada, cun descenso do 40 % dos bautizos católicos nos últimos 7 anos, un 15 % nas comuñóns e un 30 % nas vodas, medre a influencia da Corporación católica en todos os eidos das Administracións para facer valer o seu poder e os seus privilexios. A mostra simbólica máis observable é o sen número de actos confesionais realizados por supostos servidores públicos (desde o Xefe do Estado ata o máis modesto alcalde), misas, funerais católicos, distincións oficiais a virxes, medallas, etc.
Non se observan cambios trala aparición de novas formacións políticas?
O último fito electoral (municipais de 2015) alentaba a posibilidade de que os partidos “do cambio” tivesen unha concepción axeitada da importancia da laicidade das institucións para o devir da liberdade de conciencia, a igualdade e, en definitiva, da democracia. O certo é que agás honrosas excepcións, móvense nun magma “multiconfesional”, redescubrindo a necesidade de promover as crenzas relixiosas desde as institucións, e emitindo a idea de que a razón civil, emanada da lexitimidade democrática, non é abonda para o funcionamento do Estado e debe ser “complementada” coa “razón” (e a moral) relixiosa.
Como afronta esta situación o movemento laicista?
Aínda que eu sempre pensei que máis que movemento laicista hai laicistas en movemento, o certo é que nos últimos nove anos Europa Laica, a asociación á que pertenzo, ten realizado unha actividade incesante para poñer o laicismo e a laicidade das institucións nas axendas políticas. Ata o punto de que hoxe resulta difícil concibir que un partido que pretenda cambiar as cousas se presente a unhas eleccións sen un apartado sobre laicismo no seu programa electoral. Na última década desenvolvéronse grupos territoriais por toda España, algúns dos cales xa gozan dunha presenza e estabilidade notables: Andalucía (Granada, Sevilla), Valencia, Asturias, Murcia, Aragón (Zaragoza), León, Barcelona, Madrid, Canarias.
Cal é a estratexia que segue Europa laica para conseguir os seus obxectivos? Somos conscientes de que as reivindicacións laicistas móvense no ámbito do político, polo que diante de calquera elección (municipal, autonómica ou xeral) achegamos o noso programa Por un Estado Laico con medidas tanto de tipo xenérico como específico que, ademais, presentamos a cada formación política. Coherentes coa nosa análise dos privilexios eclesiais, vimos de presentar diante do Congreso dos Deputados 50.000 sinaturas demandando deste a denuncia e derrogación dos Acordos coa Santa Sé, así como os subscritos con outras confesións relixiosas. Esta petición tense feito no marco da campaña “Por unha Escola Pública e Laica, relixión fóra da escola”, que levamos impulsando desde 2002, esixindo que a relixión saia dos centros de ensinanza e que non se financie a ensinanza relixiosa con fondos públicos. Anualmente desenvolvemos tamén a campaña contra o financiamento da Igrexa a través do IRPF, cartos que saen dos nosos petos, marquémolo ou non, así como denunciamos os demais privilexios económicos da Igrexa (o IBI entre outros). Asemade, desde Europa Laica temos impulsado a proposta de creación de unha Rede de Municipios por un Estado Laico, pero a laicidade non semella estar na axenda da maioría dos novos equipos municipais, e tampouco hai concellos “locomotora” que polo de agora teñan asumido a creación da mesma. Tamén formamos parte da plataforma Recuperando, que pretende reverter, na medida do posible, o espolio realizado pola Igrexa coa súa furibunda actividade inmatriculadora.
A crise económica e as agresivas políticas neoliberais destes últimos anos teñen algunha repercusión para os obxectivos do movemento laicista? O ataque neoliberal a todo o público é un torpedo na liña de flotación do laicismo, por canto reduce o ámbito do público, do interese xeral, que é o espazo no que se move a liberdade de conciencia, a igualdade e a non discriminación. Na actividade de ensinanza, a escola pública recibiu 7.252 M€ menos entre 2009 e 2015, mentres que a concertada (maioritariamente confesional católica) recibiu 27 M€ máis. A aberta opción do PP por pór atrancos na creación de escolas públicas, e facilitar as concertadas confesionais, forma parte dun plano de liquidación do sistema público de ensino, entregándoa á patronal católica e aos seus intereses corporativos.