Presentación «Pasamento Laico»

Pasamento Laico

A COMISIÓN POLO PASAMENTO LAICO  TEN O ÁMBITO DO CONCELLO DE CANGAS

E ESTÁ PROMOVIDA POLAS SEGUINTES PERSOAS:

Camaño Xestido, Camilo
Chillón Iglesias, Xoán
González Brun, Borja
Graña García, Estanislao
Harguindey Banet, Henrique
Mariño Abal, Che
Varela, César

Son horas delicadas, momentos íntimos nos que deben primar o respecto ante a dor e a tristura, a discreción ante o recollemento pola desaparición dun ser querido. Non proceden  a pompa e o aparato.

Mais si, con esas premisas, é de xustiza dicírmoslle adeus á persoa que nos deixa, brindarlle unha agarimosa despedida, dicirlle  dun xeito moi sinxelo,a ela e aos seus, que estará sempre na nosa lembranza e no noso corazón.
E, se tal é a vontade da persoa finada, facelo a través dun acto laico.
Iso foi o que nos moveu a un grupo de canguesas e cangueses a constituírmos esta Comisión polo Pasamento Laico e  a elaborarmos unha documentación para que a despedida se plasme de maneira fácil e organizada, que se poida realizar sen complicacións para as familias, pois nesas circunstancias non teñen elas tempo nin azos para se ocuparen de máis cousas que a que lles veu enriba..
A comisión deseñou un prototipo de acto que poida servir de modelo, tal como está ou coas variacións individuais que cada quen queira introducir. É pois unha suxestión. Mais esta suxestión debe ser operativa, estar xa deseñada e lista para incorporar de inmediato nas exequias que así o soliciten. Por iso nos puxemos en contacto coa empresa do tanatorio de Cangas e as aseguradoras de servizos fúnebres  a fin de que transmitiran a asegurados e aseguradas, ao público en xeral, a existencia de esta opción. E temos que manifestar que a súa acollida á nosa  solicitude foi totalmente positiva.
A través desta nosa páxina na rede queremos informarlles nós tamén aos cangueses e canguesas da posta en marcha deste servizo, poñendo á súa disposición a documentación que sirva para testemuñar a vontade das persoas que desexan un pasamento laico, e a descrición dese prototipo –indicativo, insistimos- que marque o adeus de familiares e persoas amigas.
A nosa intención é axudar, non interferir. Naturalmente, tampouco a iniciativa polo pasamento laico é algo pechado, senón que está aberta a corrixir erros, a incorporar melloras. Por iso, calquera idea ou comentario  que se nos queira facer co ánimo de contribuír será ben recibido.

Poñemos logo, a disposición das persoas interesadas en levar a cabo un pasamento laico, esta documentación básica e este deseño sinxelo que lles poidan ser útiles nun dificil trance. E animámolas a plasmaren en todos os ámbitos o laicismo que inspira a súa vida.

Print Friendly, PDF & Email

También te podría gustar...